Maratón real para despedir o Nadal en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade despedirá a campaña do Nadal coa tradicional cabalgata de Reis que percorrerá todas as parroquias cotobadesas para terminar, pola tarde, cunha festiva recepción real no pavillón de Cerdedo.
As actividades comezarán o sábado co clásico certame de Reis no pavillón do colexio de Carballedo. Logo será a quenda das diferentes agrupacións parroquiais que interpretarán as tradicionais panxoliñas para terminar cunha degustación de chocolate con rosca.
Ao día seguinte, a cabalgata partirá ás 10.15 horas da Casa do Pobo de Santa María de Sacos, para seguir polas de San Xurxo de Sacos, Mercado de Cuspedriños, Viascón, Tenorio, Vilanova, Almofrei, Borela, Rebordelo, Multiusos de Carballedo, Corredoira, Casa escola de Meniñas de Caroi, Casa do Pobo de Loureiro, Valongo para terminar, ao redor das 13.45 horas na de Aguasantas.
Pola tarde, os reis estarán ás 17 horas na praza do Concello de Cerdedo para realizar a tradicional ofrenta ao nenos Jesús e desprazarse a continuación, nun vistoso pasacalles, ao CEIP San Xoán Bautista para recibir ás nenas e nenos do municipio e entregarlles un agasallo. A xornada concluirá con xogos, música e chocolate con rosca.