Segunda batea que arde no Grove no prazo dun mes
Por Redacción
Este xoves iniciábase un incendio nunha batea no Grove, que obrigou a mobilizarse aos servizos de emerxencia. Segundo recolle o 112 Galicia, o lume calcinaba os aparellos de traballo que se atopaban almacenados no interior da estrutura, sen que se rexistrasen verteduras ao mar.
O suceso producíase fronte ao Barrio da Virxe das Mareas, minutos antes das 19.00 horas. Unha persoa particular era a que alertaba do incendio ao 112 Galicia.
Desde a central de emerxencias trasladouse a incidencia ao Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que mobilizaba á embarcación Salvamar Sargadelos ata a zona. Ademais, o persoal do 112 Galicia tamén solicitaba a intervención dos Bombeiros do Parque de Ribadumia, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061; da Policía Local do Grove, do servizo municipal de Protección Civil; da Garda Civil e do GES de Sanxenxo.
O incendio quedaba sufocado ao redor das 20.30 horas sen que se producisen danos persoais. O 9 de decembro tamén foi necesaria a intervención dos equipos de extinción polo lume iniciado nunha batea situada entre Rons e Virxe das Mareas.