López Font presume da autonomía que a Deputación dispensa aos Concellos: "Desde 2016 son mayores de edad"
Por Redacción
Carlos López Font, deputado de Economía e Facenda, explicaba este xoves na Deputación que o 90% das obras públicas que se realizan nos municipios pontevedreses fináncianse a través do Plan Concellos que ten en marcha a institución provincial.
Desta forma, o deputado explicaba que durante os dous últimos anos financiáronse, con 85,6 millóns de euros, 748 obras e realizáronse 461 actividades de caracter social e cultural, ademais de facilitar o pronto pago a provedores. López Font destacaba que estes investimentos en municipios de menos de 50.000 habitantes supuxeron a contratación de 2.007 persoas que se atopaban desempregadas.
Indicaba, neste sentido, que se resolveron problemas de abastecemento e de saneamento, así como de seguridade viaria, que estaban pendentes desde hai 30 anos. Por este motivo, indicaba que despois de 36 anos de "libre disposición e de caciquismo" por parte dos goberno provinciais do Partido Popular, coa presidencia de Carmela Silva está a atenderse a quen máis o necesita, seguindo os criterios de poboación, núcleos e superficie dos municipios.
"Los Concellos desde 2016 son mayores de edad. Con el PP eran menores", apuntou Carlos López Font criticando a xestión de Rafael Louzán á fronte da Deputación. O deputado indicou que as liñas que se seguen nestas transferencias son apartidistas, equilibradas e igualitarias.
López Font lembrou, segundo os datos do Ministerio de Facenda, que o Plan Concellos converteu á Deputación de Pontevedra na que máis diñeiro transfire aos concellos en toda España. O 30% dos recursos provinciais trasládanse ás arcas municipais, moi por riba das transferencias do resto de institucións provinciais, que contan cunha media do 17% en transferencias. O representante socialista recalcou que a Deputación de Ourense, gobernada polo PP, só transfire directamente un 0,06% do seu orzamento aos municipios.
Tamén incidiu en que o Plan Concellos supón un investimento que supera nun 77,9% durante 2019 a que se realizaba no ano 2015 pola Deputación, cando estaba gobernada por Rafael Louzán.
Ademais, insistiu en que esta proposta ten especial sensibilidade cos concellos máis pequenos e que contan con poboación máis dispersa, de forma que dos 85,60 millóns de euros totais destes dous anos, 38,05 millóns foron para os Concellos de menos de 10.000 habitantes. E afirmou, amparándose nestes datos, que Jorge Cubela, portavoz provincial do PP, utilizaba "mentiras" ao declarar que non se investía en municipios pequenos da provincia. Ademais, lembrou que se antes, co PP, o presidente quedaba coas baixas das adxudicacións, agora ningún Concello devolve os recursos á Deputación para que os investan noutras necesidades. "Nadie quiere volver al modelo de 2015", asegurou referíndose ás diferentes alcaldías de Pontevedra con independencia do signo político.
Por último, apuntou que desde a Deputación se continuará con esta liña de traballo mantendo transferencias do 30% do orzamento aos Concellos, tal e como se contempla nos investimentos previstos en 2020.