O PSOE alerta de que a fusión de Cerdedo-Cotobade causa unha "perda imparable" de poboación
Por Redacción
Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) reflicten que o Concello de Cerdedo-Cotobade conta este 2019 con 5.699 habitantes. A agrupación socialista local que encabeza Lina Garrido denuncia que desde a fusión dos dous municipios, en 2017, perdéronse 408 habitantes.
Para o PSOE local estes datos demostran a tendencia demográfica cara ao descenso e o "éxodo colosal" que sofre este concello. Lina Garrido, a través dun comunicado, lembra ao alcalde Jorge Cubela que vendeu a fusión como a mellor forma de obter poboación.
Os socialistas denuncian a nula integración social entre a veciñanza, máis risco para o mantemento dos servizos e a perda de poboación "imparable". Neste sentido, reclaman medidas para atraer novos residentes que fomenten o aluguer de vivendas, a promoción de emprego, bolsas e axudas para o estudo.
Lina Garrido indica tamén que a política de formigón e cemento non soluciona os grandes problemas do municipio. Por este motivo, a portavoz socialista anuncia que o seu partido presentará unha moción no próximo pleno ordinario para demandar un estudo sociolóxico para coñecer as causas reais desta perda de poboación para poñer en marcha políticas activas e efectivas para facer fronte a este descenso demográfico.