A mellora da fonte de auga de Xermade, unha demanda veciñal con final feliz
Por Redacción
A veciñanza de Xermade, na parroquia de Ardán, acaba de ver como obtén resposta unha das súas vellas demandas ao Concello. Poderán darlle á benvida ao 2020 sabendo que a súa fonte conta cun novo aspecto.
Veciñanza da zona e varios membros do equipo de Goberno local celebraron o remate das obras no propio lugar da fonte. Nun pequeno encontro, os cidadáns agradeceron ao goberno local a execución destes traballos e trasladaron novas preocupacións e necesidades do lugar.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas; a alcaldesa, María Ramallo; e os edís Marián Sanmartín e Manuel Santos desprazáronse ao lugar para coñecer o resultado dos traballos, que realizou a brigada de Obras do Concello.
Pablo Novas explicou que se trataba dunha petición reiterada por parte dos habitantes do lugar, que utilizan diariamente a fonte. A estrutura conta agora cun acondicionamento de pedra e cun espazo para o descanso.