A aplicación electrónica para a xestión de sancións de tráfico chega a 24 novos municipios da provincia
Por Redacción
A aplicación electrónica destinada á axilización da tramitación de denuncias por infraccións de tráfico chegará a máis concellos da provincia, ademais de Caldas de Reis e O Porriño onde xa está funcionando.
Así o comunicou a Deputación de Pontevedra, que vén vén de aprobar o expediente de contratación para a implementación e posta en funcionamento da mesma en 24 novos concellos.
A finalidade da aplicación, asegura a administración provincial, é facilitar o uso dos teléfonos intelixentes como instrumentos de captura de denuncias de tráfico por parte da Policía Local naqueles concellos nos que o Servizo ORAL xestiona a tramitación destas notificacións. Este contrato administrativo de servizos conta cun orzamento de 98.554,50 euros, IVE incluído, dos que se beneficiarán doce concellos con ordenanza específica de sancións e outros doce sen ela.
O orzamento inclúe unha xornada de formación para os axentes destes municipios, que terá lugar a comezos do 2020.
Desta forma a aplicación de xestión de multas chegará a concellos da comarca como Cambados, Cuntis, O Grove, Meaño, Ponte Caldelas, Vilanova e A Illa de Arousa, ademais da Baiona, A Cañiza, Cangas, A Estrada, Gondomar, Lalín, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño e Tui.