Alumnado de seis colexios traballa por unha Ría de Pontevedra sen plásticos
Por Redacción
Máis de 230 persoas, entre alumnado, profesorado e familias, de colexios de Meaño, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín e Bueu sumáronse ao proxecto 'Amar o Mar, Ría de Pontevedra sen plásticos', do GALP Ría de Pontevedra.
Este proxecto busca fomentar o coñecemento das praias como patrimonio natural e cultural vencellado ao mar e concienciar a cidadanía da necesidade da súa conservación, facendo especial incidencia na problemática da contaminación mariña por plásticos.
O programa dirixiuse a escolares de quinto e sexto de primaria e conseguiu a implicación de toda a comunidade escolar. Nesta primeira edición participaron o CEIP Coirón-Dena de Meaño, o CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo, o CEIP Plurilingüe de Chancelas de Poio, o CEIP Cabanas de Salcedo - Pontevedra, o CEIP de Seixo de Marín e CEIP da Torre-Cela de Bueu.
Os participantes neste proxecto puideron gozar de toda unha mañá de actividades de educación e sensibilización en torno á problemática do lixo mariño e da necesidade de reducir, reutilizar e reciclar os residuos xerados, na que se realizou unha actividade de limpeza dunha praia próxima ao centro educativo.
Durante a limpeza da praia, os escolares tiveron que traballar como auténticos científicos separando e contabilizando os distintos tipos de lixo mariño atopados. Seguiron o protocolo de traballo estandarizado de 'Marnoba', unha plataforma que ten por obxectivo recompilar, almacenar e mostrar dun modo sinxelo información sobre o lixo mariño das costas e praias españolas. Tamén puideron estudar os microplásticos agochados entre as algas e os grans de area grazas as pinzas e lupas que se lles proporcionaron. Ao final da xornada fíxose unha posta en común, contabilizando e pesando todo o lixo retirado.
Retiraron 30 quilos de envases de plástico e 26 de lixo na praia de Praceres en Pontevedra; 17 quilos de envases de plástico, 53 quilos de lixo e 577 cabichas na praia de Aguete, en Marín; 200 quilos de plásticos e 300 quilos da lixo na praia de Chancelas, en Poio; 1.235 cabichas na praia de Silgar, en Sanxenxo; 259 fragmentos de plástico menores de 2,5 cm e 174 tapóns de plástico, 1,5 quilos de candelas e cera e 1 bidón con gasoil na praia de Foxos, en Sanxenxo; e 160 fragmentos de plástico menores de 2,5 cm e 141 envoltorios de chucherías na praia de Agrelo, en Bueu.