O xuízo pola violación a unha moza con discapacidade adiase ao 13 de novembro
Por Natalia Puga
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu adiar ata o vindeiro 13 de novembro o xuízo previsto para este martes contra un veciño de Dozón por violación. Está acusado de supostamente violar unha moza de 23 anos que "padece un atraso mental moderado e ten recoñecida unha minusvalía do 74% " e que era veciña súa.
A Fiscalía pide para o acusado, M.G.C., unha condena de 13 anos de cadea por un delito de violación a unha "vítima vulnerable por razón da súa discapacidade".
Os feitos remóntanse a xullo de 2009 e aconteceron na vivenda da propia vítima e, en concreto, no cuarto dos seus pais mentres estes estaban ausentes porque "estaban no campo faenando". Segundo recolle a Fiscalía, o procesado entrou na casa da súa veciña a través da cociña e sorprendeuna "mentres limpaba feixóns". Ao parecer, agarrouna e con ánimo libidinoso levouna ao cuarto dos seus pais".
Unha vez alí, botouna sobre a cama, quitoulle a roupa, pechou con chave a porta da casa e atoulle ao colo un trapo na boca. A continuación, a peso da resistencia da moza, violouna, poñéndose antes un preservativo.