Ponte Caldelas tardará varios días en recuperarse do paso dos temporais
Por Redacción
O paso das borrascas Elsa e Fabien por Galicia durante os últimos días da semana pasada e durante a fin de semana deixou marca en Ponte Caldelas, onde os operarios municipais están agora con labores de limpeza e posta a punto dos viais afectados. Segundo adiantou o Concello, son uns traballos que se prolongarán días dado o mal estado no que se atopan as estradas.
Durante a fin de semana, con Fabién, o Concello contabilizou preto dun cento de incidencias, a maioría acontecidas por postes de telefonía e eucaliptos. Ante o gran número de chamadas e avisos que se recibían, e tendo en conta que a espera media para que o 112 Emerxencias Galicia atendese as chamadas era de media hora, o Concello decidiu poñer en marcha dúas brigadas formadas por operarios municipais.
Unha das brigadas estaba liderada polo alcalde, Andrés Díaz, e a outra polo concelleiro Pepe Garrido, e buscaban poder atender todas as incidencias coa maior rapidez posible, minimizando así os tempos de espera para as persoas afectadas.
Ante unha situación tan excepcional, o Concello de Ponte Caldelas asumiu a retirada das árbores en estradas municipais, provinciais e autonómicas e este luns, a modo de balance, desde o goberno local resaltaron que non se fixo "ningún tipo de distinción" entre as estradas de titularidade do Concello de Ponte Caldelas, da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
Nesta liña, Andrés Díaz destacou que "o importante e o prioritario era solucionar o problema. Por exemplo, sinalou que unha estrada como a PO-532, que une Pontevedra con Ponte Caldelas e que soporta moitísimo tráfico, aínda que é titularidade da Xunta de Galicia "non pode permanecer cortada á espera de que o 112 colla o teléfono e pase aviso a Conservación de Carreteras".
O alcalde agradeceu o traballo dos operarios municipais, que actuou "de xeito rápido e eficaz" e deu as grazas a toda a veciñanza que avisou por teléfono ou redes socias das incidencias que ían xurdindo.
Relacionadas:
-
O Estado concede 2.900 euros a Ponte Caldelas e a Portas polos danos producidos polos temporais de 2019
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas retira árbores das marxes do río e das estradas para evitar caídas
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas e Poio 'desbordan' polas fortes choivas
Por Redacción |