Noiteboa baixo a influencia anticiclónica
Por Redacción
Este luns unha fronte cálida chega a Galicia polo litoral atlántico. Así, segundo informa MeteoGalicia, os ceos estarán cubertos, con chuvias miúdas que serán máis persistentes na provincia de Pontevedra e sur e oeste da provincia da Coruña, e máis intermitentes e de tipo orballo no resto da Comunidade. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará forte do suroeste.
O martes Galicia irá quedando progresivamente na influencia das altas presións, aínda que a primeiras horas o paso dunha fronte pouco activa deixará chuvias polo oeste. Así, durante a mañá os ceos estarán anubrados, con orballos na franxa atlántica. A partir do mediodía os ceos quedarán pouco anubrados ou despexados, con intervalos de nubes altas. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
O mércores iremos perdendo a influencia do anticiclón coa chegada, á noite, dunha fronte polo oeste. Así, durante a mañá e a tarde os ceos estarán pouco anubrados con nubes de tipo alto. Á última hora da tarde chegarán as chuvias polo oeste e extenderanse ao resto da Comunidade co avance da noite. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso e as máximas continuarán sen cambios. O vento soprará de compoñente sur moderado no interior e forte no litoral Atlántico.
A partir do xoves agárdase a curto prazo unha alternancia de ceos moi anubrados con momentos pouco anubrados ou despexados, ocasionalmente con nubes e claros. Haberá precipitacións tódolos días. En canto ás temperaturas, serán altas para as mínimas e normais para as máximas respeto ó agardado para este período, con mínimas que se manterán sen cambios aínda que oscilarán e máximas que ascenderán lixeiramente.
No referido ó estado da calidade do aire, manterase bo en xeral.