As 'nadaladas' encherán de cor a Praza do Teucro ata a noite de Reis
Por Redacción
Se aínda tes que comprar algún agasallo de Nadal ou, simplemente, buscas coñecer interesantes propostas creativas que levar para casa, non o dubides. Espérate o mercado de artesanía que, como cada ano, organiza o Centro Comercial Urbano Zona Monumental por estas festas.
As Nadaladas do Teucro, o nome que recibe esta actividade, abriu as súas portas este venres e, salvo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, estará a disposición do público todos os días de 11 a 14 horas e de 17 a 21.30 horas.
Ata 32 expositores de todo tipo participarán nesta edición da feira, na que se poderán atopar os agasallos máis orixinais: coiro, pel, cerámica, pintura, téxtil, prata, produtos apícolas, complementos, xoguetes de madeira, artesanía en olivo, cervexa artesá, arte en cristal, e un sen fin de obsequios para este Nadal.
Nesta décimo cuarta edición, case todos os expositores son da provincia de Pontevedra, xa que salvo algúns que chegan de A Coruña, Lugo e Ourense, o resto ademais de Pontevedra son artesáns de Poio, Vigo, Cangas, Bueu, Marín, O Grove e Ponte Caldelas.
Ademais deste mercado, Zona Monumental preparou máis actividades para os próximos días.
Así, o primeiro andar do mercado de abastos acollerá este sábado, a partir das seis da tarde, unha exhibición de baile de Adrián Esperón e unha clase na que poderán participar tanto nenos como adultos de forma totalmente gratuíta.
Para rematar a fin de semana o domingo 22, na praza de Méndez Núñez, haberá un concerto solidario, entre as 16.30 e as 22.00 horas, no cal se recollerá leite para Rede Axuda.