O Concello aproba o Plan Especial da Residencia de Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade ven de aprobar definitivamente, tras o correspondente acordo plenario, o Plan Especial de Dotacións que permitirá a construción da Residencia da Terceira Idade de Carballedo. Este trámite administrativo era o derradeiro desta fase urbanística previa e levouse a cabo tras recibir o correspondente informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia.
Tras a aprobación en pleno, o executivo encabezado polo alcalde Jorge Cubela mantivo unha xuntanza para fixar a estratexia que desembocará na posta en marcha deste xeriátrico –o segundo do municipio tras o que se está construír en Cerdedo– e que pasa pola expropiacións dos terreos, a redacción do proxecto e a licitación das obras.
Así, o goberno local revelou que xa hai reservados 129.000 euros nos Orzamentos Municipais 2020, que tamén acaban ser aprobados polo pleno, para as expropiacións dos terreos afectados, situados nas inmediacións do centro de saúde e do consistorio de Carballedo, e para a redacción do proxecto. En principio, o cronograma acordado pasa por acometer estas dúas tramitacións no vindeiro ano co obxectivo de licitar o proxecto e comezar as obras no ano 2021.
"Contamos comezar as obras en 2021 co obxectivo final de que esta nova residencia estea rematada e en funcionamento antes de que conclúa este mandato", explicou o rexedor local.
A nova residencia emprazarase en nove parcelas que suman 10.688 metros cadrados e terá unha superficie de 3.304 metros tras un investimento duns 3 millóns de euros. Nunha primeira fase contará con capacidade para 59 residentes, aínda que será susceptible de duplicarse, e xenerará unha vintena de postos de traballo.
Relacionadas:
-
O grupo socialista de Cerdedo-Cotobade solicita a creación dun centro de día en Carballedo
Por Redacción |
-
Comeza a expropiación de parcelas para a construción da Residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aproba un orzamento de 4,5 millóns para o 2020
Por Redacción |
-
Paso adiante para a construción da Residencia da Terceira Idade en Carballedo
Por Redacción |