Falconetti: "Cumplí seis años a pulso sin tener nada que ver con el tráfico de drogas"
Por Natalia Puga
O narcotraficante Luis Falcón, Falconetti, nega ante a Audiencia Provincial de Pontevedra calquera relación co tráfico de drogas e que entre os anos 70 e 1997 branquexase diñeiro procedente do narcotráfico como sostén o fiscal. Atribúe eses ingresos sen xustificar dos que a Fiscalía asegura que proceden de vender estupefacientes diñeiro non declarado a Facenda da construción e a hostalaría.
Falconetti, de 72 anos, sentouse no banco da Audiencia Provincial xunto á súa muller, Digna Díaz, acusados ambos os dous dun delito continuado de branqueo de capitais que a Fiscalía antidroga sostén que cometeu ao lavar diñeiro negro supostamente procedente do narcotráfico. O xuizo comezou este martes e continuará o mércores.
O procesado defendeuse sinalando que os desequilibrios contables detectados se deben a que só declaraba a Facenda o 5% do que gañaba en hostalaría e nos seus negocios de construción ocultaba entre o 10 e o 15% dos beneficios.
O procesado foi condenado pola Audiencia de San Sebastián en 1990 a doce anos de prisión como xefe dunha organización que programou introducir máis dunha tonelada de haxix en barco para distribuíla por Europa. Finalmente, cumpriu seis anos de cárcere, pero, a pesar das sentenzas e condenas, asegurou ante o tribunal que "cumplí seis años a pulso sin tener nada que ver con el tráfico de drogas ni nada".
"Nunca he traficado con droga ni traficaré nunca con droga, nadie me puede acusar de haber traficado con droga", xustificou con ton indignado. Pasou a relatar todos os negocios que tivo dende que deixou o colexio aos 12 anos, que van dende muiñeiro de millo a distribuidor de marisco e finalmente propietario de negocios de hostalaría e promocións inmobiliarias.
Falconetti recoñeceu na súa declaración un delito contra a Facenda Pública, ao sinalar que tan non declaraba entre o 10 e o 15% do diñeiro que gañaba na venda dalgúns pisos e que no caso dos seus negocios de hostalaría (de quioscos de praia a organización de eventos, restaurantes, máquinas comecartos, restaurantes ou hoteis) tan só declaraba o 5% do que gañaba. Aínda no caso de que estes feitos fosen considerados delito, terían prescrito, de forma que non chegaría a ser xulgado por eles.
Entre os negocios que relatou que tiña figura o mérito de "abrir la primera whiskería de Galicia", unha barra americana da que relatou, nunha resposta a unha pregunta non formulada, "as que traballaban eran negras". Ademais, a súa muller relatou que organizaban comidas e eventos, entre eles, varios "para el partido, para Fraga".
A estratexia de defensa de Falconetti foi calcada pola súa esposa, Digna Díaz, que chegou a chorar dúas veces durante a súa declaración e sacou a relucir na sala que na actualidade padece un cancro e que no momento no que segundo o fiscal cometeu os delitos estaba enferma de bronquite atrófica.
Digna Díaz negou toda vinculación do seu marido co narcotráfico. Con ton ofendido respondeu ás preguntas do fiscal: "Por favor, jamás. Ni lo he conocido yo ni anduvo jamás". Engadiu que no seu caso "me dediqué toda la vida a trabajar" e que estaba ao tanto dos negocios de hostalaría e inmobiliarios dos que era propietaria xunto ao seu marido, pero non do día a día destes porque "a raíz de mi enfermedad, él dejó de llevar los problemas a casa".
O fiscal sostén que durante dúas décadas branquearon preto de 2,6 millóns de euros
O fiscal sostén que compraron a inmobiliaria O Castriño S.A. e "viñeron utilizando a referida sociedade mercantil para intentar xustificar e ocultar a orixe ilícita dos fondos procedentes do narcotráfico que, regularmente, eran inxectados no tráfico mercantil ordinario da sociedade que, deste xeito, competía en condicións de desigualdade no mercado ao contar cunha fonte de financiamento estraño á súa actividade comercial".
Por estes feitos pide a condena a tres anos de prisión porque os feitos chegan a xuízo 15 anos despois do cal concluíse o delito do que se lles acusa. Tamén pide para ambos os dous acusados unha multa de 2.597.461 euros e o comiso e a adxudicación ao Estado do diñeiro que a Fiscalía sostén que branquexou ou a incautación de bens por ese valor.
Relacionadas:
-
Absolven a Falconetti e a súa muller de branquexar cartos do narcotráfico
Por Natalia Puga |
-
Vázquez Taín: "o tema das drogas é básicamente político"
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal eleva a acusación contra Falconetti e a súa muller, reclámalles 13,5 millóns de euros
Por Natalia Puga |
-
Xulgan a Falconetti e a súa esposa por branquear diñeiro do narcotráfico
Por Oskar Viéitez |