Mozos e mozas de Pontevedra coñecen as saídas profesionais que ofrece o mar
Por Redacción
Dar a coñecer á mocidade o sector marítimo-pesqueiro e as posibilidades laborais que ofrece o mundo do mar. Ese foi o obxectivo do programa 'Remuda Xeracional', impartido por técnicos do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro da Ría de Pontevedra.
A intención do programa era promover o interese por este sector dende unha perspectiva profesional e laboral, que free a falta de cambio xeracional que o sector pesqueiro vén experimentando nos últimos anos.
Para iso, impartíronse 24 obradoiros formativos e oito saídas educativas a entidades e empresas do sector marítimo-pesqueiro para que os alumnos coñecesen as posible saídas laborais e como se desenvolven estas profesións no seu día a día.
O programa, presentado a todos os centros educativos públicos e concertados do territorio do GALP Ría de Pontevedra (Bueu, Poio, Marín, Meaño, Sanxenxo e Pontevedra), realizouse en dúas fases.
A primeira consistiu nun obradoiro no centro de ensino a través do cal mostráronse aos participantes os diferentes oficios vinculados co sector e as titulacións académicas necesarias para realizar ditas profesións.
A continuación organizáronse excursións a diferentes entidades do sector, en función do interese demostrado no obradoiro e no sector do mar como saída profesional, permitindo captar a realidade do sector marítimo-pesqueiro e vivir de primeira man os oficios e experiencias dos traballadores do sector.
Dende o seu inicio, o 11 de outubro no IES de Poio, máis de 900 alumnos coñeceron os detalles sobre as distintas titulacións e saídas profesionais que ofrece o mundo do mar.