Desaloxado o colexio Sequelo de Marín polas incidencias da borrasca Elsa
Por Redacción
O equipo directivo do colexio Sequelo de Marín decidiu este xoves desaloxar a todo o alumnado do centro educativo como medida preventiva ante as incidencias que se estaban a detectar por mor da borrasca Elsa que deixou intensas choivas e fortes ventos desde a tarde deste mércores.
Esta foi tan só unha das consecuencias do paso da borrasca pola localidade, onde, segundo a información facilitada polo Concello, houbo problemas durante toda a tarde e a madrugada.
Durante a tarde, a Policía Local de Marín tivo que actuar a partir das 18.30 horas por varias situacións de perigo: un cable da rede telefónica cruzando a estrada que une Seixo e O Campo, na zona da Brea; un colector de recollida de residuos orgánicos apareceu envorcado fronte ao centro de saúde: unha rama caeu sobre o kiosko do Parque Eguren; unha vivenda situada nun baixo de Jaime Janer inundouse; unha árbore caeu e quedou cruzando a vía que vai desde San Tomé a Picotes; e rexistrouse un accidente de circulación na saída de Seixo na autovía.
Xa pola noite, houbo desbordamentos da rede de sumidoiros, saíndose as tapas de arquetas en diversas zonas, e anegáronse de auga leiras da zona de Mogor, o baixo dunha vivenda na estrada de Figueirido, a zona de avenida de Ourense (inmediacións de Marqués de Valterra) e a contorna de Cantodarea. Estas dúas últimas inundacións afectaron a varios vehículos estacionados e a locais de hostalería.
Ademais, durante a madrugada houbo desprendemento de terra e pedras que afectaron a unha parte de carril de circulación da PO-313 sentido Moaña-Marín e varios contedores envorcaron e desprazáronse por mor do vento.
Relacionadas:
-
Caos en Fernando Olmedo: coches mergullados, pisos sen calefacción e contedores flotando
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Clausuran o Estadio Municipal de Pasarón tras desprenderse varias láminas da cuberta de Preferencia
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Unha noite de rúas e garaxes asolagados por toda a cidade e dúas horas en alerta total
Por Redacción |
-
A borrasca "Elsa" deixa unha chea de incidencias
Por Oskar Viéitez |
-
Pechan con valados as Palmeiras e o Mirador de Monte Porreiro ante a chegada da borrasca Elsa
Por Redacción |