O alumnado de San José aprende RCP e a xogar ao baloncesto en cadeira de rodas
Por Redacción
O alumnado do colexio San José de Pontevedra terminou o primeiro trimestre con dúas actividades que contribuíron a mellorar os coñecementos non académicos do alumnado en Reanimación cardiopulmonar (RCP) e na práctica de deporte adaptado para persoas con discapacidade.
En colaboración coa Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra, os profesores Felipe Fernández e María Fernández impartiron durante este luns 16 e este martes 17 de decembro unhas sesións maxistrais sobre como facer o RCP e o uso do desfibrilador externo semi automático (DESA) para todo o alumnado do centro, desde 3 anos de Educación Infantil ata sexto de Primaria.
Os alumnos tomaron conciencia de como se debe actuar fronte a unha parada cardiorespiratoria; chamando ao 112, facendo a masaxe cardíaco e a posterior posta do paciente na PLS (posición lateral de seguridade). Ao mesmo tempo, aprenderon a manobra de Heimlich, básica e fundamental para desobstruir unha vía aérea e poder seguir respirando.
Estas clases foron impartidas por alumnado do cuarto curso do título de grao de enfermería, estudantes a piques de terminar a súa carreira e comezar a súa vida laboral.
Este mércores 18 de decembro, alumnado de quinto e sexto de Primaria trasladáronse ata o pavillón Pablo Leiro de Bouzas, en Vigo, para realizar unha sesión de baloncesto en cadeira de rodas co Club Baloncesto AMFIV, pertencente á División de Honra de baloncesto en cadeira de rodas española.
Coa colaboración de Nacho, adestrador do equipo, e os xogadores Agustín, Franco, Sam e Louis, coñeceron detalles deste deporte. Trátase de deportistas cun importante palmarés, algún campión do mundo e de Europa sub 21 e sub 23, subcampións do mundo absoluto, medalla olímpica e campión de Europa a nivel de clubs.