Barro converte o Pazo da Crega nunha auténtica aldea de Nadal
Por Redacción
O Pazo da Crega será, un ano máis, o epicentro da programación de Nadal en Barro. Semanas despois do acendido das luces, o goberno municipal pon en marcha unha ampla oferta lúdica e festiva que, a partir deste xoves, encherá de actividade o municipio.
A programación comezará coa inauguración das instalacións no pazo, convertidas nunha aldea de Nadal, onde Papá Noel xa estará preparado para recibir as cartas e as peticións dos cativos.
A partir de aí, ata o 5 de xaneiro, haberá música, canto lírico, canto coral, folclore, maxia, contadas, festas para diferentes idades e moitas outras cousas.
O peche será coa tradicional cabalgata de Reis, que se vai celebrar o 5 de xaneiro ás cinco e media da tarde. Sairá do Pazo e irá ata a Nave da Música.
Alí, celebrarase unha festa infantil con chocolate e rosca para os asistentes e os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis Magos para facer as peticións de última hora.
Para realizar todas estas actividades, o Concello conta coa participación de entidades de Barro como as corais parroquiais, a Coral Polifónica, a Banda Xuvenil e o Grupo de Danzas ou de numerosos artistas locais, que teñen demostrado ao longo destes anos o seu bo facer.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, explicou que os obxectivos desta programación é ofrecer unhas actividades diversas "que permitan que as familias gocen desta época do ano tan especial" e que fagan fincapé no lecer e na ilusión dos máis pequenos.