Marín engalánase para recibir os Príncipes
Por Oskar Viéitez
Os Príncipes de Asturias, Don Felipe e Dona Leticia, presidiron este martes a entrega dos Reais Despachos aos novos oficiais que finalizan o seu curso na Escola Naval de Marín.
Ás once e media da mañá As Súas Altezas Reais chegaban ás instalacións pontevedresas onde foron recibidos polo Ministro de Defensa, Pedro Morenés, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Letizia vestía unha blusa de gasa marrón claro e un pantalón vaporoso de cor viño tinto cuns zapatos e un bolso de man a xogo. Nos últimos anos o atavío da princesa dá lugar a comentarios entre a prensa especializada polo seu particular xeito de entender a etiqueta.
Sobre todo despois do acto celebrado hai dous anos na Escola Naval, cando se presentou cunha chaqueta de ante e un pantalón branco, que segundo os entendidos en protocolo non se correspondía coa ocasión.
A cerimonia militar tivo dous actos diferenciados, un relixioso, de carácter voluntario, no que se interpreta a Salve Marinera durante a misa en honor á patroa da Mariña, a Virxe do Carme. Os actos relixiosos celébranse de xeito separado dende hai catro anos cando introduciu esa modificación a Ministra de Defensa, a socialista, Carme Chacón.
O segundo acto, no que si participaron os Príncipes, deu comezo ás 11:40 horas, tras pasar Don Felipe revista ás tropas. A continuación do Himno, produciuse a homenaxe "aos que deron a súa vida por España" e o xuramento da bandeira por parte dun total de 72 alumnos do primeiro curso.
Despois o Ministro de Defensa iniciou a entrega de reais despachos e imposición de condecoracións aos novos oficiais que obtiveron as mellores cualificacións nas súas respectivas promocións.
Os xa 86 oficiais de Marina recibiron os despachos entre as aclamacións dos asistentes para desfilar de novo baixo a bandeira. Foi entón cando o arcebispo castrense pronunciou a oración de acción de grazas.
Na súa alocución, o comandante-director da Escola Naval de Marín, Juan Luis Sobrino, recordou aos novos oficiais que "La Armada os brindará una amplia variedad de oportunidades profesionales a lo largo de vuestros años de servicio. Sentíos siempre lo que desde este momento sois; unos verdaderos privilegiados".
Ao termo e tras cantar o himno da Armada, volveron desfilar para dar por concluído o acto. Durante todo o tempo que durou a cerimonia non deixaron de soar as bucinas e asubíos dos afectados polas preferentes en todo o recinto militar.
Relacionadas:
-
O Príncipe de Asturias presidiu a conmemoración do XXV aniversario da entrega de Despachos na Escola Naval
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Príncipe Felipe acode o venres á Escola Naval para celebrar as súas 'vodas de prata' como gardamarina
Por Oskar Viéitez |
-
O ministro de Defensa inaugurará este luns o curso académico na Escola Naval Militar de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de medio centenar de embarcacións participaron na procesión marítima do Carmen
Por Oskar Viéitez |