Aprobado definitivamente o orzamento da Deputación sen que o PP presentase alegacións
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
En sesión extraordinaria, o pleno provincial aprobou este martes de maneira definitiva o orzamento da Deputación de Pontevedra. O único punto na orde do día era a resolución das reclamacións presentadas contra o acordo de aprobación inicial do orzamento para o exercicio 2020.
O Partido Popular non presentou alegacións ás contas provinciais, pero "en defensa do municipalismo" votou en contra deste "orzamento anti concellos". O portavoz do PP, o deputado Jorge Cubela, reiterou as súas habituais críticas ás contas presentadas polo goberno provincial do PSOE e o BNG por ter "cero diálogo, cero ideas e cero proxectos para a provincia".
"Son vostedes un goberno de esquerdas que non conta co respaldo de ningunha das catro centrais sindicais con representación nesta casa" reprochou Cubela.
O deputado responsable da confección do orzamento, Carlos López Font, explicou que se rexeitan as alegacións presentadas polos sindicatos Comisións Obreiras, UXT, CIG e CSIF, en base a un informe técnico asinado polo departamento de Recursos Humanos e Formación e pola Secretaría do Pleno.
Ese informe di que a gran maioría destas alegacións afectan a "cuestións que forman parte da potestade de auto organización da corporación provincial" e outras "resultan alleas ao obxecto de alegación".
O deputado socialista fixo unha defensa pechada do "mejor presupuesto de la historia" expresando o seu desexo de que "salga aprobado por unanimidad" e criticando aos populares pola súa "falta de alternativas y propuestas" e por argumentar contra o orzamento "con mentiras".
"¿Está dispuesto el PP a volver al sistema anterior de adjudicaciones a dedo?" preguntou López Font aos deputados da oposición.
O vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera, lamentou o ton "áspero" da intervención do PP e fixo súa a pregunta do socialista López Font para reclamar aos populares "como queren que faga a repartición de fondos a Deputación?".
Jorge Cubela recriminou ao goberno provincial que non negociase o orzamento co Partido Popular "iso é sectarismo por parte dun goberno bipartito de esquerdas". E contestando á pregunta formulada por Font e Mosquera dixo "nós non queremos volver ao sistema anterior, queremos máis diñeiro para os concellos".
Finalmente o orzamento foi aprobado con 16 a favor dos deputados do Partido Socialista e o Bloque e 10 en contra do Partido Popular.
Cos desexos dun "Bo Nadal para todos" a presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu por concluído o pleno despois de 25 minutos de sesión.
Relacionadas:
-
A Deputación aprobará o 20 de novembro un orzamento de 164,5 millóns de euros para "transformar a provincia"
Por Natalia Puga |
-
O pleno da Deputación aproba o orzamento para o próximo ano
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O PP cualifica os orzamentos da Deputación como "anti provincia e anti concellos"
Por Oskar Viéitez |