Poio promoverá que os nenos vaian á escola a pé ou en bicicleta
Por Oskar Viéitez
O vindeiro martes 17 de decembro ás 20:00 horas no Casal de Ferreirós, darase a coñecer mediante unha charla-coloquio o proxecto "Camiña á escola! As nenas e nenos no espazo público".
Este proxecto faise mediante a colaboración da Deputación de Pontevedra coas concellerías de Educación e Seguridade Cidadá, integrándose no Plan de Mobilidade de Poio.
Segundo avanza o Concello de Poio, trátase dunha iniciativa cuxo obxectivo é promover e facilitar que os nenos vaian á escola a pé ou en bicicleta, "gozando da súa autonomía, favorecendo o desplazamento autónomo dos nenos ao seu centro escolar, facéndoo máis seguro e incorporando a mirada da infancia na mobilidade urbana".
O que tenta o goberno local con esta proposta é concienciar aos alumnos sobre a importancia de preservar o medio ambiente, a responsabilidade das accións individuais nos desprazamentos, e a importancia da actividade física para a saúde e o rendemento escolar.