O de 2019 xa é o segundo decembro máis chuvioso do século e espérase máis auga
Por Manu Otero
Chove sen fin en Pontevedra. A estación meteorolóxica de Campolongo está a rexistrar datos de récord e as predicións de Meteogalicia auguran aínda máis precipitacións.
En só 16 días, recolléronse 201 litros de auga por metro cadrado na capital da provincia, un dato histórico que só se superou no 2006. De récord foi tamén o que choveu o xoves 12, no que a estación de Campolongo recolleu 85,6 litros de auga por metro cadrado, unha cifra que non se alcanzara nunca no último mes do ano en Pontevedra desde que se realizan medicións.
Non deixará de chover sobre a cidade do Lérez, polo menos ata o día de Nadal. As previsións de Meteogalicia vaticinan choivas constantes con períodos de forte intensidade ata a noite do xoves. A partir desa xornada, os ceos seguirán nubrados e as probabilidades de precipitación se situan no 80%.
Con todo, os modelos preditivos sitúan ás Rías Baixas baixo a influencia dunha cadea de borrascas que, salvo cambios imprevistos, deixarán choivas durante case todos os días que quedan do 2019.
Se se cumpren os prognósticos, o récord daquel decembro do 2006 no que se acumularon 277 litros por metro cadrado será superado polo do 2019. Aquel ano as choivas terminaron de completar un grave desastre ecolóxico que comezara no verán cunha onda de incendios. A perda da cuberta vexetal nos montes da comarca pontevedresa fixo que as riadas arrastrasen lodos ata as rías, o que provocou grandes danos nos fondos marisqueiros.
Ademais da histórica xornada do día 12, entre o 14 e o 15 recolléronse preto de 60 litros que provocaron graves danos nas zonas baixas da cidade con inundacións en garaxes da rúa Fernando Olmedo ou desprendementos de terra como o deste luns que obrigou a cortar a variante de Caldas. Pola contra, só houbo seis días nos que non se produciron choivas.
O de decembro non adoita situarse entre os meses máis chuviosos do ano en Galicia. De feito, só en dúas ocasións acumuláranse máis de 200 litros de auga. O rexistro máis próximo, que ocupa o terceiro lugar no podio de decembros chuviosos, é o do 2002 con 198,2 litros de auga recollidos. No lado oposto atópanse os anos 2016 (53,2), 2007 (56) e 2001 (61.6).
Relacionadas:
-
A borrasca "Elsa" deixa unha chea de incidencias
Por Oskar Viéitez |
-
Pechan con valados as Palmeiras e o Mirador de Monte Porreiro ante a chegada da borrasca Elsa
Por Redacción |
-
O Concello recoñece a dificultade para evitar os asolagamentos en Fernando Olmedo: "Son zonas inundables"
Por Redacción |
-
As intensas choivas asolagan a rúa Fernando Olmedo e deixan un regueiro de incidencias en baixos e garaxes
Por Redacción |
-
Unha inundación obriga a pechar o ximnasio de Campolongo e indigna os usuarios por falta de información
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Pontevedra recolle en 12 horas máis dun terzo da choiva caída nos últimos 30 días
Por Manu Otero |
-
As choivas provocan o derrubamento de parte da Torre dos Montenegro, no Campiño de Santa María
Por Redacción & Cristina Saiz |