A Garda Civil volve gañar en Cuntis ao clero, que se achega ao empate cun 6-5
Por Redacción & Diego Torrado
Gardas civís, 6. Curas, 5. Ese 6-5 foi o resultado do marcador do campo de fútbol da Ran na que xa é unha cita ineludible de cada decembro en Cuntis, o partido con fins benéficos que enfronta á Benemérita e ao clero.
O marcador deste domingo dá vantaxe á Garda Civil, aínda que menos que a dos dous anos anteriores. Nesta terceira edición do partido benéfico, os gardas gañaron por un gol, unha vitoria moito menos folgada que o 6-3 do primeiro ano e o 6-4 da segunda cita.
Os sacerdotes están, desta forma, máis próximos ao empate. Quizais en 2020 o marcador acabe 6-6 e, quen sabe, en 2021, o clero podería mesmo celebrar o Ano Santo cunha vitoria.
Curas e gardas enfrontáronse no terreo de xogo, pero o resultado é o de menos neste partido, pois toda a recadación é en beneficio de Cáritas Interparroquial de Cuntis. Aínda non existen datos concretos da recadación, pero a bancada estaba chea, de modo que previsiblemente o balance da caixa será satisfactorio.
A iniciativa benéfica busca recadar fondos para Cáritas de Cuntis e, para iso, a entrada para ver o partido supuxo un donativo de tres euros. Ademais, tamén se recadaron diñeiro e comida a través dun servizo novo: o autobús entre o colexio de Cuntis e o campo de fútbol. A empresa de autocares Garrido puxo un servizo de transporte entre o colexio e A Ran por un prezo dun euro por billete ou un quilo de alimentos non perecedoiros.
Relacionadas:
-
Emerxencias vs Garda Civil, fútbol con fins benéficos o domingo 24 en Caldas
Por Redacción |
-
Gardas civís e curas volven retarse nun partido benéfico en Cuntis
Por Redacción |
-
Marcador de 6-4 no campo da Ran: xogaron o clero e a Garda Civil e gañou Cáritas
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A Garda Civil reta o persoal de emerxencias nun partido benéfico en Caldas
Por Redacción |
-
Gardas civís contra curas, un partido benéfico "por todo o alto" en Cuntis
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |