O XI Festival Kilo Solidario de Ponte Caldelas recada máis de 1.000 quilos de alimentos
Por Redacción
O XI Festival Kilo Solidario organizado por Os Coribantes de Buchabade recadou este sábado máis de 1.000 quilos de alimentos non perecedeiros que se entregarán aos servizos sociais do Concello de Ponte Caldelas.
O evento, celebrado na antiga discoteca Reivi de Ponte Caldelas, contou coas actuacións musicais de Manoele de Felisa dende Cuntis, As Maianas dende Santiago de Compostela, Xosé Iglesias dende Pontevedra, Miguel Fraile dende Vilaboa e Nati Berredo dende Agolada.
Os máis de 1.000 quilos de alimentos non perecedeiros recadáronse coas entregas de alimentos das persoas que acudiron ao concerto e tamén coas achegas de particulares e empresas que quixeron axudar dende a ‘fila cero’. Repartiranse entre as familias do municipio con poucos recursos.
Ao remate das actuacións musicais, realizouse o sorteo de produtos doados por negocios de Ponte Caldelas: sesións de peluquería, comidas, tapas, cestas de alimentación... e a festa rematou cun chocolate con rosca, doada polas panaderías de Ponte Caldelas.