Marín aplicará medidas de calmado de tráfico nos accesos aos cemiterios de Ardán e O Campo
Por Redacción
O Concello de Marín adoptará medidas de calmado de tráfico e de mellora aos accesos dos cemiterios de Ardán e do Campo.
A medida será resultado dun acordo do Pleno da Corporación adoptado esta semana a instancia dunha moción presentada polo PSOE apoiada polo grupo de Goberno do PP.
Segundo explicou o concelleiro Pablo Novas, estas actuacións xa formaban parte da axenda do Goberno municipal, dado que xa hai contratado un estudo para a ampliación da estrada de acceso ao camposanto de Ardán, no que se contempla o ensanche do pavimento e unha mellora estrutural do vial.
Na estrada EP1202, a través da cal se chega ao cemiterio do Campo, o Concello volverá solicitarlle á Deputación de Pontevedra, titular do vial, a contratación dun proxecto completo no que se tomen medidas de calmado do tráfico e no que se inclúa a creación de sendas peonís.
Xa no ano 2017 o Concello de Marín presentou ao ente provincial unha memoria valorada de melloras a levar a cabo nas estradas provinciais, nas que se especificaban as necesidades de cada un dos viais nos que ten competencia esta administración, e nesa memoria xa se incluía a do Campo.