Denuncian un roubo nunha nave municipal de Campo Lameiro
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro denunciou ante a Garda Civil o roubo producido durante a madrugada deste sábado na nave municipal de obras, da que os ladróns se levaron maquinaria, ferramentas, material e unha furgoneta rotulada propiedade do Concello.
Segundo a información formulada polo alcalde, Carlos Costa, o valor de todo o roubado supera os 50.000 euros, aos que habería que sumar as diversas desfeitas provocadas polo ladrón ou ladróns no portal de entrada e no enreixado polos que accederon á nave industrial.
Os asaltantes accederon á nave industrial de propiedade municipal forzando un enreixado que protexían o acceso ás xanelas da construción e procederon a desvalixar por completo as estanterías onde se almacenaba ferramenta e maquinaria de precisión utilizada polas brigadas municipais de obras, limpeza e de prevención de incendios.
Entre o material substraído atopábanse rozadoras, motoserras, un xerador eléctrico, hidrolimpadoras, cortacéspedes, trades e toda unha serie de ferramentas utilizadas habitualmente polos operarios municipais.
Os ladróns cargaron parte da mercancía na furgoneta rotulada do Concello que utilizaron de reforzo no transporte do material substraído.
O alcalde solicita a colaboración veciñal para localizar a furgoneta municipal roubada e agradécelle a quen teña datos sobre o seu paradoiro se dirixa á Garda Civil a través do teléfono marcando o número de atención cidadá 062.