Todo preparado en Cuntis para a terceira edición do premio de investigación Olimpio Arca
Por Redacción
O Concello de Cuntis xa ten todo preparado para a terceira edición do Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpio Arca e en cuestión de días poderán empezar a presentarse os traballos que queiran participar.
As bases xa están preparadas e nos vindeiros días poderanse consultar no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello (https://concellodecuntis.sedelectronica.gal/info.0) e no Boletín Oficial da Provincia.
Unha vez que se fagan públicas, o Concello iniciará a recepción de traballos de investigación en arqueoloxía, etnografía, historia, filoloxía, literatura ou filosofía. Os participantes deberán ser de temática galega e achegar unha reflexión orixinal e novidosa ao coñecemento científico dentro destes ámbitos. Haberá un único premio de 1.500 euros.
De cara a esta nova convocatoria do galardón, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a técnica do departamento de Cultura mantiveron unha reunión en Santiago de Compostela coa presidenta do xurado do premio, María del Mar Llinares García, profesora de prehistoria da Universidade de Santiago.
O Concello de Cuntis lembra que por terceiro ano busca honrar a figura de Olimpio Arca Caldas, mestre cuntiense que desempeñou o seu traballo entre Cuntis e A Estrada. Nos seus anos como mestre, tamén dedicou parte do seu tempo á creación literaria e á investigación, as cales aplicaba nas súas aulas. Para manter viva a súa memoria, convocouse un premio sobre un dos ámbitos aos que se dedicou, o da investigación, no que destaca o seu traballo sobre os canteiros do municipio.
Relacionadas:
-
Cuntis volve render homenaxe a Olimpio Arca coa segunda edición do seu premio de investigación
Por Redacción |
-
Xosé Fuentes Alende gaña o premio de investigación Olimpio Arca
Por Redacción |
-
Oito traballos optan ao primeiro premio de investigación Olimpio Arca
Por Redacción |
-
Abren o prazo para presentar traballos ao premio de investigación Olimpio Arca
Por Redacción |
-
Crean en Cuntis o premio de investigación cultural Olimpio Arca
Por Redacción |