Marín aproba un Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais
Por Oskar Viéitez
O Concello de Marín xa conta cun Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais. Así foi aprobado oficialmente este xoves no Pleno municipal da Corporación marinense, despois de que pasasen os 20 días de exposición pública e de que se resolvesen as alegacións correspondentes. O plan conta, ademais, co aval dos técnicos municipais e da Dirección Xeral de Defensa do Monte, organismo dependente da Consellería de Medio Rural.
O proxecto foi elaborado pola empresa Seaga, ao abeiro dun convenio que a empresa ten coa Xunta de Galicia e coa Fegamp e ao que está adherido o Concello de Marín.
O obxectivo que ten o Concello é poder ter listo o plan ao cen por cen para a primavera do 2020, coincidindo ca nova tempada de actuacións para a prevención dos incendios forestais.
O proxecto contempla unha primeira fase do plan, consistente na creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas.
A segunda fase do proxecto, que se realizará máis adiante, tamén por Seaga, contempla a protección daquelas vivendas illadas e das redes de viarios rurais e urbanos que non están dentro dos núcleos.
CONTA XERAL DO ANO 2018
O Pleno tamén aprobou a Conta Xeral do 2018, despois de que os servicios técnicos e de intervención pechasen a contabilidade.
Tanto a liquidación do orzamento como o remanente de tesourería arroxan resultados positivos e a débeda, que era dun millón de euros, quedou totalmente amortizada.
Ao sobrepasar o teito de gasto, houbo que elaborar un Plan Económico Financieiro.
LUDOPATÍA
Finalmente, entre os asuntos máis destacados desta sesión plenaria, a Corporación municipal votou por unanimidade a favor de loitar contra a ludopatía.
O Goberno local asegura estar "sensibilizado" con esta problemática social relacionada coa proliferación das casas de apostas e salóns de xogo, que cada vez preocupa máis, especialmente pola vulnerabilidade dos menores de idade.
Os partidos políticos votaron unanimemente a favor das mocións presentadas polo PSOE e polo BNG nas que se insta á Xunta de Galicia a que paralice as licencias de nova apertura de este tipo de establecementos.