O alcalde de Barro declarará como investigado no xulgado a raíz dunha denuncia do PP pola obra da piscina municipal
Por Natalia Puga
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, terá que declarar o vindeiro martes 17 de decembro no Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis en calidade de investigado por un delito de prevaricación administrativa. Farao a pedimento da Fiscalía de Pontevedra nunha causa xudicial aberta por mor dunha denuncia presentada polo portavoz do PP local, José Antonio Landín, días antes das pasadas eleccións municipais de maio nas que o actual rexedor gañou por maioría absoluta.
O propio Abraldes desvelou este venres a súa situación de investigado nunha rolda de prensa convocada na sede do Concello de Barro na que detallou todos os datos do proxecto da piscina municipal, un complexo deportivo financiado a través do Plan Concellos e do Plan de Reequilibrio da Deputación Provincial que se inaugurou o pasado mes de xullo, e respondeu o contido da denuncia presentada polo PP.
Ademais de Abraldes, deberá declarar como investigado o aparellador municipal, Ricardo Sobral Casalderey, e a causa séguese tamén contra a empresa que executou a obra, Construcións e Enxeñería Messi SL, segundo consta na citación recibida polo alcalde.
A denuncia do PP céntrase nun modificado do proxecto inicial no que detectan partidas "que se duplicaron" con respecto ao redactado inicial da obra e nun expediente de modificación de crédito aprobado polo Concello en xuño deste ano 2019 que Landín asegura que coincide "xustamente" co importe do modificado e que responde a un sobrecusto de diñeiro procedente das arcas municipais.
Abraldes respondeu este venres a todas esas acusacións, negou tales duplicidades e cuestionou que a propia denuncia é unha "chapuza total" na que se comparan cifras con e sen IVE e algunhas nas que están aplicadas as baixas logradas na adxudicación e outras nas que non se aplican as baixas.
Respecto diso, detallou que o portavoz do PP ampárase en que o modificado supón un 21% de aumento do prezo inicial do proxecto, pero que, para chegar a ese dato, compara a cifra de adxudicación inicial sen IVE e aplicada a baixa económica da adxudicación co importe total do modifiado xa con IVE e sen aplicar a baixa.
Fronte á denuncia, defende que o modificado, en realidade, é do 15,73% e que, ademais, dado que se conseguiu unha baixa fronte ao orzamento de adxudicación, en realidade, mesmo se gastaron 18.567 euros menos que a subvención da Deputación para esta obra, de modo que o Concello "non tivo que achegar ningunha cantidade para pesar do modificado".
Asegurou tamén que o modificado de crédito achegado como proba " non ten nada que ver" coa obra da piscina. O alcalde achegou á prensa documentación do Pleno que detalla que se trata dun modificado por importe de 26.952,15 euros para executar obras de carpintería no Pazo de San Marco, mellora dun camiño rural en Vilaverde e iluminación, de modo que nin sequera coincide o importe e moito menos o destino do diñeiro. Ademais, revelou que ese modificado de crédito cuestionado é do 11 de xuño e a denuncia do PP é previa, de maio.
O alcalde de Barro defende que o proxecto se executou de forma "impecable" tanto a nivel técnico como de procedemento. Mostrou a súa "plena confianza" na profesionalidade do persoal municipal e engadiu que, ao tratarse dun proxecto financiado na súa totalidade pola Deputación, os técnicos municipais estiveron en contacto permanente cos seus homólogos da institución provincial para coordinar todos os pasos que se deron na execución da obra.
Para a comparecencia do martes, mostrou "tranquilidade absoluta" e destacou que polo menos terá a oportunidade de explicar toda a súa actuación e "desmontar todas as falsidades" do portavoz do PP, pois sostén que a Fiscalía estivo a investigar a denuncia catro meses, chamou a Landín tres veces para ratificar a denuncia e nunca chamaron ao Concello.
Si lle pediron documentos á administración local e eles remitiron todo o expediente da obra. O expediente lévao o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, e as declaracións tomounas a tenente fiscal, Carmen Novo.
Abraldes defende que o proxecto se controlou de forma "exquisita". Fixérono os técnicos municipais supervisados polos provinciais e, a maiores, contratouse unha empresa de control de calidade que axudar a facer un control diario das obras. Ademais, achegou un informe da Deputación Provincial que informa de forma favorable ao modificado e "desmente todo" o dito polo PP.
En definitiva, sostén que nesta obra actuouse "con rigor, con control do gasto público e con respecto absoluto aos procedementos de contratación" e cre que esta denuncia só ten dúas explicacións: ou a presentaron porque se equivocaron nos cálculos ou porque actuaron "a mala fé". En ambos os casos, Abraldes cre que os motivos "incapacitan" o portavoz do PP para exercer calquera cargo público.
Relacionadas:
-
Arquivada a denuncia do PP contra o alcalde de Barro polas obras da piscina municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Barro estrea a súa flamante piscina municipal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Barro acusa o PP de "difundir bulos" sobre a piscina municipal
Por Redacción |
-
O PP de Barro denuncia ante a Fiscalía o goberno do BNG e PSOE por unha desviación de 69.848 nas obras da piscina
Por Redacción |