O PP lamenta a falta de conexión ciclista entre os aparcamentos disuasorios e o centro de Pontevedra
Por Redacción
O portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, mantivo este venres un encontro co presidente de Pedaladas, Enrique Pérez, para tratar os problemas de tráfico e mobilidade da cidade.
O líder da oposición asegura que "dados os numerosos problemas que xorden da acumulación de trafico rodado en Pontevedra, moitos cidadáns optan por usar a bicicleta como medio de transporte”.
Acompañado polo concelleiro Pablo Fernández, Domínguez lamentou a inexistencia dun carril bici que enlace diferentes puntos da cidade, a falta dun bo transporte público ou a carencia dunha conexión entre os aparcamentos disuasorios e o centro de Pontevedra.
O popular compartiu con Pérez a necesidade de urxir ao goberno local á creación dunha nova ordenanza de mobilidade que identifique á bicicleta como medio de transporte. Lembra Domínguez que foi o PP o que solicitou a implantación de carrís bici en todos os proxectos de reforma urbana.
"Hai xa tres anos que foi aprobado polo pleno, pero o BNG non cumpriu con este acordo”, concluíu o popular.