Bueu aposta por un 'Nadal sostible' para reforzar a conciencia ambiental da vila
Por Redacción
Nun momento no que a comunidade internacional debate sobre a crise climática, o Concello de Bueu apostou por organizar un 'Nadal sostible' que permita celebrar estas festas e, ao mesmo tempo, reforzar a conciencia ambiental no municipio.
A programación de Nadal, que se presentou este xoves, inclúe moitas novidades, entre as que destacan os obradoiros de confección de adornos con materiais de reciclaxe, ademais dos de repostería, o cinema de Nadal e as actividades nas parroquias. Ademais, os máis pequenos e pequenas recibirán as visitas do Apalpador, Papa Noel e dos Reis Magos.
Co obxectivo de ir preparando as rúas do casco urbano, o Concello anima a toda a cidadanía a colaborar na decoración das árbores que se instalarán o venres en cada intersección de rúas.
A oferta lúdica arranca xa esta fin de semana con dous concertos musicais: o concerto de corais Xa chega o Nadal, organizado pola Coral Polifónica de Bueu, e que se celebrará o sábado ás 20.00 horas no Centro Social do Mar; e o do Gospel Vida, que terá lugar o domingo ás 18.00 horas no mesmo espazo.
Durante todo o Nadal, concretamente entre o 23 de decembro e o 3 de xaneiro, impulsarase por primeira vez un campus multideporte dirixido a nenos de 6 a 12 anos; e haberá obradoiros sostibles que se celebrarán os días 21 e 27 de decembro e 3 e 4 de xaneiro a partir das 11.30 horas e talleres de repostería na praza de abastos o 23, 26 e 28 de decembro ás 11.00 horas.
A hostalería tamén será protagonista a través das Cantadas de Nadal, que levarán música tabernaria polos locais do centro urbano o 22 de decembro a partir das 12.00 horas e haberá tamén as tradicionais sesións de cinema de Nadal no Centro Social do Mar. Concretamente, poderase ver Mía y el león blanco o 26 de decembro e Wall E o 2 de xaneiro.
No programa deste ano tamén están previstas a visita do Apalpador, que baixará das montañas para visitar ás nenas e nenos, acompañado dun acordeonista, dun guitarrista e dun burro fariñeiro, o 23 de decembro ás 12.00 h na contorna do Centro Social do Mar.
A seguinte visita será o 24 de decembro cando chegará Papa Noel a partir das 17.00 horas á entrada do Centro Social do Mar. E, por último, o 5 de xaneiro os Reis Magos chegarán ás 12.00 horas ao peirao nas embarcacións tradicionais da asociación Os Galos e pola tarde, en torno ás 18.00 horas, percorrerán a vila en cabalgata.
Na programación deste ano, e tamén como novidades, atópanse dous eventos para despedir o ano. Así, o 31 de decembro, ás 11.30 horas, terá lugar unha festa infantil a prol das ANPAS da vila, que se celebrará na carpa exterior do Centro Social do Mar. E para o público adulto, ese día a partir da unha da madrugada, haberá verbena coa orquestra local Distrito 7.
Toda esta programación súmase aos colectivos e asociacións da vila que tamén ofrecen interesantes propostas para gozar destas festas como concertos de panxoliñas, presentacións literarias, partidos solidarios, belén vivinte, alfombra floral, bando de nadal, ruta moteira e chocolatada ou a tradicional Romaría de Reis.