Invisten 90.000 euros na mellora da estrada entre Vilafranca e Lusquiños
Por Redacción
Os traballos para a mellora da conexión viaria dos lugares de Vilafranca e Lusquiños, en Tomeza, están a punto de rematar, segundo informa o goberno municipal.
Nesta actuación, que se realiza en colaboración coa Xunta de Galicia, investíronse case 90.000 euros.
As obras consistiron en facer drenaxes para evitar empozamentos e asfaltáronse sobreanchos e ampliacións nas zonas nas que foi posible.
Ademais, executouse a pavimentación da vía, a recolocación das tapas de saneamento, a instalación de barreiras de seguridade para os vehículos e a colocación e pintado das sinalizacións horizontal e vertical.
Foi unha das prioridades marcadas polos representantes do Consello Parroquial de Tomeza xa que, segundo o Concello, era moi demandada pola veciñanza porque une dous lugares moi poboados.