Amplían ata as dúas da madrugada o horario das terrazas no Nadal
Por Redacción
Durante as festas do Nadal, entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, as terrazas dos establecementos hostaleiros da cidade poderán estar abertas máis tempo. En concreto, media hora máis, ata as dúas da madrugada.
Así o acordou o Concello nunha resolución que aplica un artigo específico da ordenanza vixente que regula a instalación dos veladores na vía pública.
A edil de Sostemento dos espazos públicos, Eva Vilaverde, explicou que esta medida se adopta a petición do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Con este cambio horario, os veladores e os seus elementos retiraranse ás 02.00 horas e poderán quedar amoreados no espazo público adxacente ao local durante o tempo que medie entre o horario de apertura do establecemento e o horario de inicio da actividade dos veladores disposto na ordenanza.
Tamén poderán manterse acumulados entre o horario de peche ampliado e o horario de peche do establecemento, sen que, en ningún caso, estes amoreamentos xeren unha barreira que interfira na circulación, no transito peonil, nas condicións de accesibilidade e uso da vía ou espazo público, nin nos percorridos de evacuación do local.
Esta ampliación de horario tamén se rexistrou durante a pasada ponte da Constitución.