Atropelan un neno de 8 anos na travesía urbana da N-640 en Cuntis
Por Redacción
A estrada N-640, ao seu paso por Cuntis, volveu a demostrar a súa perigosidade. Desta volta, ademais, nun treito con moita presenza peonil, a travesía que atravesa o núcleo urbano.
Un neno de oito anos foi atropelado nun accidente que se produciu ás 13:23 horas.
No momento do accidente caía unha forte choiva sobre Cuntis e había unha visibilidade moi escasa. Estas dúas circunstancias, segundo as primeiras investigacións, parecen ser as causas do accidente.
Ata o lugar do atropelo acudiu a Policía Local de Cuntis, o servizo municipal de emerxencias e médicos do centro de saúde da vila.
O neno, tras recibir unha primeira atención no lugar, foi derivado ao Hospital Provincial de Pontevedra nunha ambulancia do 061.