A Fiscalía mantén 9 anos de cárcere para o acusado de introducir 22 quilos de coca no porto de Marín
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A Fiscalía mantén a petición de condena para M.M.V, empresario acusado de xestionar a introdución de 22 quilos de cocaína a través do porto de Marín no ano 2018. O xuízo empezou o martes e continuou este xoves coa declaración dunha última testemuña e as conclusións das partes. Nese momento, a fiscal do caso elevou a definitivas as súas conclusións provisionais.
Segundo esas conclusións, a Fiscalía considera que o acusado é autor dun delito contra a saúde pública e quere que sexa condenado a nove anos de prisión, o pago dunha multa de 900.000 euros e o abono das costas do proceso xudicial. Pola súa banda, o avogado defensor do acusado, sostén a súa inocencia e pide a súa libre absolución.
Na primeira sesión do xuízo, o acusado mantivo a súa inocencia e asegurou: "Me enteré por la Guardia Civil de que el contenedor tenía droga". Con todo, a Fiscalía mantén que no xuízo quedou probado que xestionou a adquisición dun cargamento de cocaína en Colombia a persoas de identidade non determinada, co fin de distribuír esa substancia a terceiras persoas e que, en execución deste plan, o 22 de xullo de 2018 embarcou no porto de Cartaxena (Colombia) un contedor con destino ao porto de Marín figurando como única destinataria do mesmo a empresa da que era único administrador o acusado.
M. M.V. negou calquera implicación coa droga detectada na estrutura dun contedor que el contratou para traer desde Colombia a Galicia un cargamento de cemento. Axentes da Garda Civil e de Vixilancia Aduaneira realizaron unha inspección no contedor e descubriron que no interior dos marcos de ambas as portas atopábanse ocultos 36 paquetes de cocaína. Para extraelos foi necesaria a perforación e ruptura da estrutura metálica dos citados marcos.
A Fiscalía sostén que no xuízo quedou demostrado que el foi o único responsable de contratar esa droga e engade que e acusado, a pesar de comunicar con insistencia á empresa de aduanas a súa intención de estar presente na apertura do contedor, finalmente non acudiu senón que, xa máis tarde, cando soubo que fora inspeccionado e localizada a substancia, acudiuse no porto. En total, a substancia localizada sumou dous quilos cunha riqueza do 74’26 % e 22 quilos cunha riqueza do 73’81 %. A substancia alcanzaría no mercado ilícito un valor de 812.982,27 euros.
O xuízo quedou visto para sentenza na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Interceptan 160 quilos de cocaína ocultos nun contedor procedente de Sudamérica no porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
O acusado de introducir 22 quilos de cocaína polo porto de Marín deféndese: "Me enteré por la Guardia Civil"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Piden nove anos de cárcere para un empresario ao que lle incautaron 22 quilos de coca en Marín ocultos nun contedor
Por Oskar Viéitez |