Os alumnos do CEIP San Xoán Bautista visitan o consistorio de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
Os alumnos do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo veñen de realizar, este mesmo mércores, unha ampla visita á sede administrativa consistorial da localidade, que funciona de xeito complementario á de Carballedo, para coñecer o funcionamento da vida municipal. Os escolares, acompañados das súas mestras, foron recibidos na Praza do Concello polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro.
Tras a habitual recepción, o rexedor ensinoulles todas as dependencias, ao tempo que lles explicou o día a día do Concello e a toma de decisións por parte do goberno local e da corporación municipal para mellorar a calidade de vida dos veciños a través de servizos públicos, atención personalizada e investimentos.
Os rapaces, que tomaron parte desta actividade no marco do seu programa educativo, realizaron diversas preguntas, moitas das cales levantaron bastantes sorrisos, e amosaron un gran interese polo funcionamento do Concello.
A visita rematou no salón de plenos coa entrega, a cada un dos máis de trinta nenos, dun libro dos Bolechas encargado especificamente polo Concello de Cerdedo-Cotobade no marco das actividades de Servizos Sociais para promover a igualdade e fomentar a educación en equidade e sen diferenzas de xénero. Tamén houbo a tradicional foto de familia de lembranza desta xornada.
O alcalde amosou a súa satisfacción por esta visita "xa que supón un pequeno descanso no traballo que facemos todos os días a prol dos veciños e ademais ten unha gran importancia porque sementa nos cativos a idea de que os concellos son a administración máis cercana á que poden recurrir e a que máis se preocupa polos problemas dos veciños".