A pegada de Neil Armstrong coroa a reforma urbana da rúa Rouco
A reforma da rúa Rouco coincidiu no tempo coa celebración do cincuenta aniversario da chegada do home á Lúa. Por iso, os responsables da obra pensaron que sería un aceno a esa efeméride colocar un recordatorio no chan.
"É algo curioso e divertido", explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que comprobou este mércores o remate dos traballos de reforma integral que, como guinda, contou cunha réplica en pedra da famosa pegada do astronauta Neil Armstrong, o primeiro home que pisou a superficie lunar.
O goberno municipal, segundo trasladou Fernández Lores, está "moi satisfeito" co resultado desta remodelación que permitiu actuar nunha rúa que, a pesar de ser céntrica, non tiña a axeitada calidade urbana e pola que pasaban "excesivos" coches.
O proxecto contemplaba a reordenación da rúa, redistribuíndo os espazos urbanos no ámbito do centro escolar. Mantívose unha liña de estacionamento en formigón na marxe dereita para servizos e para colocar os colectores de lixo.
No lateral esquerdo, a beirarrúa incrementouse ata os cinco metros para que os nenos e nenas accedan con seguridade ao colexio. A calzada foi repavimentada logo da renovación das redes de pluviais e de sumidoiros e tamén se instalou novo mobiliario urbano con cinco papeleiras, sete bancos e dez aparcabicis e mellorouse a iluminación.
Para completar esta actuación só queda habilitar un espazo para xogos populares diante do colexio, un proxecto consensuado coa ANPA do centro, e o traslado do transformador eléctrico.
A este respecto, o alcalde recordou que o Concello fará a obra civil para retirar este transformador e Unión Fenosa Distribución asumirá o custo da nova instalación. Mentres tanto, engadiu, a compañía cambiou o actual sistema para evitar novos problemas.
Relacionadas:
-
Raíña Vitoria e todo o ámbito entre a Alameda e o Gafos, próximo obxectivo da reforma urbana
Por Alejandro Espiño |
-
A praza de Barcelos, en 'liña de saída' para súa remodelación integral en 2020
Por Alejandro Espiño |
-
O achado duns ósos obriga a atrasar as obras da rúa Rouco
Por Alejandro Espiño |
-
A rúa Rouco, en obras
Por Redacción |