Oito condenados por tráfico de drogas no Salnés e outras zonas de Galicia
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará coa súa conformidade oito persoas que foron detidas no ano 2015 por ter distintos graos de implicación nunha rede que traficaba con cocaína na zona do Salnés e nas provincias de Ourense e A Coruña. Entre os condenados está o narcotraficante Eugenio Sande Baulde.
Os oito acadaron este martes un acordo de conformidade coa Fiscalía que evitou a celebración do xuízo previsto e rematou en condenas que van desde os dous anos aos cinco anos de prisión. É o colofón a unha investigación do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaria da Policía Nacional de Pontevedra que empezou na comarca do Salnés a principios de xuño de 2015 e acabou detectando ramificacións nas outras provincias galegas.
No caso do narco cambadés Eugenio Sande Baulde, será condenado a tres anos e tres meses de prisión e o pago dunha multa de 35.855 euros como autor dun delito de tráfico de drogas que causan grave dano para a saúde. O acusado é consumidor de tóxicos como a cocaína e iniciou recentemente un tratamento de deshabituamento do seu consumo.
A Policía Nacional detectou a súa implicación avanzada a investigación, cando tiraron do fío e averiguaron que lle subministraba a cocaína ao primeiro e principal investigado, Sebastián N.V., e a outras persoas non identificadas. Usaba un coche Toyota Auris a nome da súa muller, pero da súa propiedade real, cando o 8 de novembro de 2015 foi interceptado á altura da peaxe de Santiago de Compostela da AP-9 e no interior do cadro de mandos detectouse un paquete con un quilo de cocaína. No seu domicilio en Cambados os axentes atoparon unha papelina con 0,619 gramos de cocaína e dous cachos de resina de cannabis.
A investigación empezou tras detectar que Sebastián N.L. acordara a venda dunha importante partida de cocaína ao tamén acusado Israel G.S. para a súa posterior distribución e venda a terceiros. O 5 de xuño de 2015 Sebastián iniciou un desprazamento no vehículo Renault Clío a nome da súa noiva desde A Illa de Arousa ata Ourense, onde pretendía entregarlla a Israel, pero antes foi detido na peaxe da autoestrada AP-9 en Vilaboa.
No interior do vehículo portaba oculto no panel lateral dereito dos asentos traseiros un paquete con 998 gramos de cocaína que no mercado acadaría un valor de 31.952,21 euros. Ese mesmo día foi detido tamén Israel en Ourense con 5 bolsas de plástico con cocaína valorada en 9.977,47 euros.
Estes dous acusados son consumidores de tóxicos como a cocaína e teñen iniciado recentemente un tratamento de deshabituamento do seu consumo. Os dous foron condenados coa súa conformidade a tres anos e tres meses de prisión e o pago de multas de 31.952 euros (Sebastián) e 43.023 euros (Israel).
No caso de Israel, foi detido cando levaba enrima droga que pretendía entregar a outro dos acusados, Carlos C.P., con quen previamente pactara a súa venda para a súa vez destinalas á posterior venda e distribución a terceiros. Este procesado será condenado a dous anos de prisión e o pago dunha multa de 1.135 euros e consta que no momento destes feitos era consumidor habitual de cannabis e que cometeu este delito para procurarse o diñeiro necesario para seguir consumindo.
No transcurso da investigación sóubose da implicación dos acusados Marcos V.P. e Alexandre C.F. Cada un pola súa conta, adquiríanlle a Israel cantidades diversas de haxix e de cocaína que posteriormente distribuían e vendían a terceiras persoas na localidade de Ourense.
Marcos será condenado a dous anos de prisión e multa de 363,97 euros e Alexandre a catro anos de prisión: tres anos e multa de 615,7 euros por tráfico de drogas e un ano por un delito de tenza de armas prohibidas, pois, no rexistro da súa casa incautáronse unha defensa eléctrica, un puño americano e unha navalla de grandes dimensións con empuñadura de madeira e metal, catalogados como armas de uso prohibido a particulares.
A investigación tamén sacou á luz que Sebastián N.L. tamén subministraba haxix ao acusado Paulino L.T. para a súa posterior venda e distribución a terceiras persoas. Na súa casa de Cee (A Coruña) interviñéronse diversas cantidades de cannabis, unha navalla de grandes dimensións coa empuñadura de metal e madeira con restos de haxix na súa folla, útiles para o cultivo de marihuana, unha pistola semiatomática Destroyer e unha caixa con quince cartuchos metálicos, coa bala blindada, carecendo da preceptiva licenza para a tenza de armas. Será condenado a cinco anos de prisión, tres anos e multa de 22.871,45 euros por tráfico de drogas e dous anos por tenza de armas.
O acusado Daniel G.C. subministraba haxix e cocaína ao acusado Sebastián N.L. e a outras persoas contra as que non se segue esta causa para a súa posterior distribución e venda a terceiros. Cando o detiveron, localizouse no seu domicilio de Vilanova de Arousa cocaína e cannabis. O acusado Daniel González Collazo é consumidor de tóxicos como a cocaína tendo iniciado recentemente un tratamento de deshabituamento do seu consumo e será condenado a tres anos e un mes de prisión por tráfico de drogas.