Para CC.OO. o novo director do Príncipe Felipe "representa unha esperanza para o futuro do centro e dos traballadores"
Por Oskar Viéitez
José Ramón Piñeiro, secretario da sección sindical de Comisións Obreiras na Deputación de Pontevedra, valorou o nomeamento de Manuel García Cendón como novo director da Cidade Infantil Príncipe Felipe, coma un "feito que representa unha esperanza para o futuro do centro e dos traballadores e un tremendo reto para o novo director".
Comisións Obreiras entende que para a consecución deste obxectivo "non é suficiente coas boas palabras políticas da presidenta" así que reclama o "apoio decidido" do Goberno provincial para "emendar as dificultades estruturais dos edificios" do Centro Príncipe Felipe "para que os menores teñan as condicións adecuadas para a súa formación integral".
Ademais José Ramón Piñeiro aconsella á presidenta provincial, Carmela Silva, que asuma que esta competencia impropia "vai seguir tendo que xestionala a Deputación", porque "non pode obrigar á Xunta a que se faga cargo do Centro". Por esta razón entende este sindicato que "sería moi importante que se centrasen os esforzos en renegociar o convenio de colaboración actual entre a Xunta e a Deputación e se modificase o financiamento actual, no que a Xunta achega unha cantidade ridícula de 720.000 euros para un gasto anual por parte da Deputación 11 millóns de euros".
Para Comisións Obreiras "é de entender que a achega da Xunta debe de estar en función do nivel de ocupación de espazos que esta ten ou pode ter na Cidade infantil".
Ademais José Ramón Piñeiro propón a creación no Centro Príncipe Felipe dunha unidade de vida independente "para reforzar a autonomía dos adolescentes internos ou a mulleres maltratadas" e insta ao novo director a que modifique o Regulamento de réxime interno para facelo "participativo".
Finalmente Comisións Obreiras avanza a súa "firme intención de colaborar co novo director sempre que se estea na liña de buscar solucións de futuro para o centro e para os problemas dos traballadores, en caso contrario, estaremos en fronte".