O Concello e o IES de Ponte Caldelas asinan un acordo para organizar actividades culturais
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas achega 900 euros ao instituto do municipio a través da firma dun convenio destinado á realización de actividades complementarias do alumnado. Con estes fondos, o centro poderá organizar excursións, conferencias ou outras actividades de tipo cultural que enriqueza a formación dos estudantes do instituto caldelano, que é referencia para o alumnado dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.
Doutra banda, o goberno local instalou un depósito de gasoil provisional no colexio da Reigosa para poñer fin aos fallos que estaba a experimentar a caldeira polas filtracións de auga que se estaban xerando no depósito.
O rexedor caldelano, Andrés Díaz, asegura que este problema é herdado do anterior goberno, debido a que desde antes de chegar á alcaldía no 2015 xa había problemas coa caldeira. Durante estes anos, foise salvando a situación grazas aos labores de mantemento municipais, pero este curso xa non houbo posibilidades de arranxo.
Sosteñen desde o Concello, que asume o investimento do novo depósito despois de que a Xunta rexeitase asumir o custo da instalación dun novo, que "todos os nenos teñen dereito a unha educación nas mellores condicións, vivan no concello que vivan e goberne o partido que goberne", declara o rexedor en alusión aos investimentos realizados no centro educativo de Tenorio.