Acepta dous anos de prisión por posuír cocaína, heroína e cannabis mentres cumpría condena na Lama
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Un home aceptou este martes unha pena de dous anos de prisión e o pago dunha multa de 400 euros e recoñeceu que mentres cumpría condena no centro penitenciario da Lama estaba en posesión de certas cantidades de cocaína, heroína e cannabis.
O xuízo celebrouse este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e pechouse cun acordo de conformidade no que o home, que na actualidade está en liberdade, recoñeceu un delito contra a saúde pública.
O acusado, José Manuel C.S., alcanzou un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que se viu beneficiado dunha redución da pena que lle solicitaban inicialmente, catro anos de prisión e multa de 800 euros. A fiscal aplicou dúas circunstancias atenuantes da responsabilidade criminal, dilacións indebidas e drogadicción, e a pena reduciuse á metade.
José Manuel C.S., de 41 anos e con antecedentes penais non computables nesta causa, estaba na prisión da Lama o 17 de decembro de 2017, cando foron intervidos no seu poder 25,26 gramos de resina de cannabis, 0,232 gramos de heroína cunha riqueza do 45,88%, 2,434 gramos de cocaína cunha riqueza do 74,2%.
Ao aceptar o acordo de conformidade, recoñeceu que tiña esas substancias para a súa venda ou distribución a terceiras persoas no centro penitenciario. As citadas substancias alcanzaban un prezo no mercado ilícito de 138,67 euros a resina de cannabis, 21,35 euros a heroína e 243,13 euros a cocaína.
A sección cuarta da Audiencia ditará unha sentenza condenatorio que incluirá o comiso da droga. Ademais, o tribunal decidirá en sentenza se se suspende a pena do acusado, #cuestión solicitada pola defensa e sobre a que a Fiscalía evitou pronunciarse.