A restauración do Monumento aos Navegantes custará 30.000 euros
Por Manu Otero
Os orzamentos do Concello de Pontevedra para o 2020 reservarán unha partida de 30.000 euros para a restauración do Monumento aos Navegantes. A escultura do paseo das palmeiras leva meses valada polo risco de desprendemento e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, confirmou este luns que a análise para determinar as causas da deterioración e o mellor método para restablecelo están xa na súa fase final e que será o próximo ano cando se execute.
"Está valado porque poden darse desprendementos do formigón da estrutura, pero non hai risco de derrube", asegura o edil socialista. O paso do tempo, foi inaugurado o 12 de outubro de 1959, e a exposición a fenómenos meteorolóxicos adversos provocaron a oxidación do ferro do armazón interno do monumento que, ao expandirse, acabou xerando gretas, roturas e desprendementos no formigón.
Despois dun estudo pormenorizado, os técnicos recomendan manter o esqueleto férreo do interior da escultura e a restauración da cuberta de formigón danada. Doutra banda, aínda non está decidido que facer coa carta náutica representada no interior da figura, substituída xa nunha ocasión. "Está podrecida, estamos a ver se restituíla ou restaurar a orixinal", recoñece o concelleiro.
Non será a primeira actuación que se practique neste monumento, xa substituíron a carta náutica orixinal, restaurouse a áncora e retiraron as cadeas que adornaban a obra que Amancio Landín deseñou para honrar a memoria de "os homes destas rías que acharon gloria polos camiños do mar", como figura na lenda que acompaña o monumento, en cuxo lateral está tamén tallado o escudo da Falanxe.
Con respectou ás contas do próximo ano, adiantou Puentes que o seu departamento colaborará co de Espazos Públicos para comprobar o estado de todas as esculturas da cidade e executar as melloras pertinentes. A actuación máis inmediata será a posta en valor do Monumento á Constitución situado en Campolongo, ademais nas últimas semanas xa levaron a cabo tarefas de limpeza e actuacións menores noutras figuras da cidade para mellorar a súa imaxe.