Barro anima a facer as compras do Nadal no comercio local
Por Redacción
O goberno municipal de Barro activou unha nova campaña de apoio ao comercio local que, baixo o nome Polo Nadal, comercio local, pretende dinamizar o tecido comercial do municipio.
"Con esta campaña o que buscamos é dinamizar e visualizar o comercio local e promover unha economía de proximidade", destacou o concelleiro de Promoción Económica, Adrián Silva.
O primeiro paso do Concello foi crear una nova imaxe corporativa que aglutine todas as campañas que se realicen ao longo do ano.
A primeira campaña que se levará a cabo baixo o paraugas desta imaxe será a de Nadal e que consta do sorteo de vales de compra por valor de 50 euros entre os consumidores no comercio local.
Ademais, púxose en marcha un concurso de fotos nas redes sociais, onde se premiarán as fotos cuxa temática sexa o comercio de Barro, que deberán levar o cancelo #PoloNadalComercioLocalBarro. As foto con máis reaccións nas redes sociais Facebook, Instagram e Twitter será tamén premiada cun vale de compra.
O sorteo dos vales terá lugar o día 3 de xaneiro no Concello de Barro e a entrega dos premios será o 5 de xaneiro na Nave da Música, ao remate da Cabalgata de Reis.
A esta campaña adheríronse máis de medio cento de establecementos.