Un grupo de 13 persoas en situación vulnerable aprende a confeccionar alfombras
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, visitou este luns na Casa Azul ao grupo de 13 persoas en situación de vulnerabilidade e con dificultades de inserción laboral que participan no taller de confección de alfombras promovido polo Concello de Pontevedra.
Esta actividade formativa, impartida dende o pasado 4 de novembro por Carmen Busto, da firma Mucha Castromán, busca que os asistentes "adquiran unha rutina e uns hábitos de vida saudables, ao tempo que desenvolven o seu lado máis creativo", segundo comentou a edil.
Carmen Busto explica que as alfombras elaboradas neste obradoiro, que se celebrou en xornadas de tres horas, os luns e venres, fixéronse mediante "teares caseiros de cartón" e empregando "trapillo" reciclado de camisetas, polo que se tivo moi en conta o respecto polo medio ambiente.
A concelleira de Benestar Social destacou a boa acollida que o curso, que rematará o vindeiro 16 de decembro, tivo entre os participantes no mesmo, así como "o fantástico acabado de moitos dos traballos que se efectuaron".