O Concello de Pontevedra colabora cun proxecto para promover as relacións de Galicia con China
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) presentou este luns en rolda de prensa, o proxecto "Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente- Occidente", no que colabora o Concello de Pontevedra.
Segundo explicou Daniel González, director do IGADI e coordinador do proxecto, a iniciativa ten coma obxectivo xeral promover as relacións de Galicia con China desde o contacto e o diálogo entre o Camiño de Santiago e a Ruta da Seda como itinerarios para o encontro multicultural.
Daniel González indicou que "o proxecto é froito da convocatoria O Teu Xacobeo 2019" impulsada pola Consellería de Turismo e Cultura da Xunta de Galicia, ao que se suman achegas para a súa financiación dos Concellos de Santiago, A Coruña, Pontevedra e Lugo.
Segundo Daniel González, "o IGADI entende este proxecto coma unha acción exterior oficial de Galicia ligada ao ideario de Nacións Unidas", polo que tamén se quere "implicar ás Universidades, ás Cámaras de Comercio ou as entidades socioculturais" para formar parte desta rede e "conectarnos máis e mellor a China".
A sinóloga Marola Padín, técnica encargada da investigación neste proxecto, indicou que a intencionalidade explícita do proxecto procura un enfoque integral nas relacións de Galicia con China, "máis alá do posicionamento turístico do Xacobeo 2021".
"Non é un propósito atraer a moitos cidadáns chinos, somos conscientes de que en moitos sitios hai turismofobia e non é ese o noso obxectivo, senón dar a coñecer o Camiño de Santiago", precisou.
O proxecto vai durar sete meses e durante este tempo aspira a identificar unha "rede de interese galego-chinesa" de natureza multidimensional: institucional, económica-comercial, académica e sociocultural ou turística, que funcione de intercambiador plural e eficaz para as relacións co xigante asiático no horizonte do século XXI.
En segundo lugar e despois da identificación dos actores fundamentais nas relacións de Galicia con China, o IGADI elaborará un estudo que identifique as fortalezas e debilidades, as oportunidades e as ameazas, das relacións Galicia-China, que impliquen a definición dun plan de actuación para o posicionamento de Galicia e o Xacobeo 2021 na China.
Por último o proxecto rematará coa presentación do "informe final" arredor das relacións Galicia-China, nunha grande conferencia fixada para o venres 17 de abril de 2020, no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.
A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, rematou destacando que para o Concello de Pontevedra este proxecto "encaixa coa filosofía que este concello ten sobre o que debe ser a acción exterior galega e o papel referencial que deben ter as cidades" e tamén citou que "se trata de potenciar un dos maiores atractivos da cidade" como é o Camiño Portugués.
Relacionadas:
-
A delegación chinesa aplaude que o Plan Revitaliza veña da man dunha administración pública e persoal experto
Por Oskar Viéitez |
-
"Ao volver a China adaptaremos o aprendido aquí do Plan Revitaliza ao noso contexto"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Pontevedra inspirará o deseño de máis de mil cidades chinesas que se construirán proximamente
Por Redacción |
-
Pontevedra, premiada pola mobilidade amable na cidade chinesa de Shenzhen
Por Redacción |