Vaipolorío presenta unha denuncia contra Unión Fenosa pola corta de vexetación á beira do Gafos
Por Redacción
Xosé Manuel Feijoó, secretario da asociación Vaipolorío, presentou unha denuncia contra Unión Fenosa ante a Xunta de Galicia polo corte indiscriminado de vexetación no río Toxal (Gafos) ao seu paso pola parroquia de Bértola no Concello de Vilaboa onde hai un poste eléctrico.
Segundo denuncian desde o colectivo, esta situación levouse a cabo en ambas as marxes nunha lonxitude aproximada de 50 metros dentro dos traballos que a compañía eléctrica realizou baixo a liña que atravesa o río.
Vaipolorío entende que estes traballos de limpeza incumpren o disposto na Lei de pesca fluvial e no decreto do Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos Ecosistemas acuáticos continentais ao non respectar os catro metros de altura que debe manter a vexetación arbórea de ribeira.
Explican que o corte se realizou a nivel de chan, destruíndo o bosque de galería en ambas as marxes, cos prexuízos que supoñen para o desprazamento de fauna e flora ligada ao ecosistema fluvial.
Este corte, segundo a asociación ecoloxista, é reincidente porque Vaipolorío xa comunicara unha actuación similar no mesmo lugar con danos idénticos. Xosé Manuel Feijoó espera que se impoña unha sanción aos culpables desta intervención.