As chuvias retornarán na tarde deste martes para manterse ao longo da semana
Por Redacción
As Rías Baixas atópanse este luns baixo a influencia anticiclónica. Os ceos presentan poucas nubes de tipo alto na súa maioría que non impedirán completamente o paso do sol. As temperaturas sitúanse entre os 5 e os 13 graos. Os ventos soprarán frouxos de dirección variable, segundo as previsións de Meteogalicia.
Na mañá deste martes perderase a influencia das altas presións coa chegada dunha fronte fría polo oeste. Haberá poucas nubes de tipo alto en xeral a primeiras horas. Aumentará a nebulosidade polo oeste deixando precipitacións na zona costeira. Durante a noite, as choivas serán xeneralizadas. As temperaturas situaranse entre os 6 e os 14 graos. Os ventos soprarán do suroeste moderados.
Ao longo da xornada do mércores 11 irá entrando o aire frío. Os ceos alternarán nubes e claros con chuvascos máis probables a partir do mediodía. As temperaturas oscilarán entre os 8 e os 12 graos. O vento soprará frouxo de compoñente oeste.
Cara á fin de semana os ventos manteranse de oeste-suroeste e a probabilidade de precipitacións será elevada, con choivas persistentes nas provincias de Pontevedra e tamén na Coruña. As temperaturas serán suaves.