Vaipolorío segue a coidar o muíño e a presa do río Toxal
Por Redacción
Os voluntarios da Asociación Vaipolorío veñen de realizar tarefas de conservación e mantemento do patrimonio material do muíño e da presa do río Toxal, en Vilaboa.
Segundo recolle o libro "Andar primeiro de río", de Calros Solla, un toxal é o "lugar onde medran os toxos; toxeira" e lle dá nome ao río dos Gafos nunha das súas denominacións, río Toxal.
O Muíño do Toxal está situado na beira esquerda do río dos Gafos, é un muíño de cubo, cunha moa, muros de cachotería e cuberta a unha auga. Ao seu carón hai unha pontella que serve de pasadoiro sobre o río.
Estes voluntarios dedicáronse a podala matogueira e retirar os elementos vexetais que obstruían o paso da auga pola canle.
Vaipolorío adoita facer un seguemento a este elemento etnográfico tradicional para garantir a súa conservación.