"Apro" leva toda a súa vida vivindo na canceira
Por Redacción
O 2019 xa é un ano de récord para o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra. Superou o número de adopcións de cans nun mesmo ano, que estaba nas 430 acadadas en 2016, porque no que vai deste 2019, xa se conseguiron un total de 457, unha cifra que incluso se espera que se incremente notablemente neste mes de decembro.
Desde que se puxo en marcha a nova campaña de sensibilización "Esteriliza, adopta", acadáronse un total de 21 adopcións, cunha media de 2,6 por día. A meirande parte foron adoptados por particulares.
Un deles foi "Bertín", que levaba os seus seis anos de vida no centro, onde entrara sendo un cachorro, e relévao como avó da canceira "Apro", un can que entrou no centro en 2014 sendo unha cría.
Entre as adopcións destes últimos días destaca tamén o caso de "Liliana", unha cadela que fora abandonada hai un mes en Ribadumia e á que o persoal do CAAN tivera que recoller cunha gaiola trampa debido á súa desconfianza coa xente. No centro reconducíuselle o carácter ata convertela nunha cadela tranquila e confiada. Foi adoptada por unha moza animalista.
Tamén hai que salientar o caso de "Almofredo", que foi adoptado o día 3 de decembro por unha moza comprometida co benestar animal e que ofrece de xeito habitual o seu fogar como casa de acollida para protectoras da Coruña. O animal será para o seu pai, xa que espera que lle poida axudar a superar a morte do seu anterior can, co que levaba vivindo vinte anos.
Outro caso a subliñar é o dos irmás "Zasca" e "Zascón", que foran abandonados en Meis en setembro e tiñan sarna. Recuperáronse no CAAN e foron adoptados xuntos por unha familia residente en Vigo.
Amais, unha muller de nacionalidade inglesa levouse para o Reino Unido a tres cans, "Pirri", "Bar" e "Inco" o pasado día 4. Esta muller soe difundir no seu país os cans do CAAN e ela mesma se encarga de levalos.
Por último, o can "Mingo", que entrou no pasado mes de novembro no centro, volveu ao seu concello de orixe, Tomiño, onde levaba abandonado tempo e era coidado polos habitantes dunha aldea. Un dos veciños botábao de menos e adoptouno para levalo de novo ao pobo.
Nestes momentos, son 400 os cans que se atopan nas instalacións á espera de ser adoptados. Na páxina web do centro, ademais de poder ver a todos os animais, pódense facer tamén todos os trámites relativos ás adopcións, que son gratuítas. Os cans son entregados vacinados, desparasitados e esterilizados.
Relacionadas:
-
Aumentan as adopcións de cans do Centro de Acollida da Armenteira
Por Redacción |
-
Rexístranse máis de tres abandonos de cans a diario na provincia
Por Redacción |
-
RADIO.- O teu can está a facerse maior? Podcans fala da vellez nestes animais
Por Redacción |
-
A recuperación de Salo, un Yorkshire abandonado en pésimas condicións que se pode adoptar
Por Redacción |
-
Bertín, o avó do CAAN, xa ten novo fogar en Cotobade
Por Redacción |
-
Arroxan catro cachorros a un contedor de lixo en Vilanova de Arousa
Por Redacción |
-
A Deputación lanza unha campaña para fomentar a tenza responsable dos animais
Por Oskar Viéitez |