O Concello promoverá visitas guiadas para formar ao persoal das recepcións dos hoteis de Pontevedra
Por Redacción
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, porá en marcha visitas guiadas especialmente orientadas á formación do persoal que traballa na recepción dos establecementos hoteleiros de Pontevedra.
Segundo explicou, trátase dunha proposta que os propios representantes do sector hoteleiro lle demandaron nunha reunión mantida esta mesma semana e que tería o obxectivo de que estes profesionais "dispoñan de formación, capacidades e coñecementos para informar aos visitantes acerca da extraordinaria e variada oferta turística da cidade e a súa contorna e poidan aconsellarlles interesantes itinerarios polas Rías Baixas".
A edil do PSOE destaca a súa "enorme sintonía" coa visión que os voceiros do colectivo lle transmitiron neste primeiro contacto, no que se chegou ao acordo de "traballar dun xeito máis estreito e con estratexias conxuntas". Así, Yoya Blanco pretende unir forzas co sector hoteleiro coa finalidade de lograr "que a nosa cidade se converta na capital galega do turismo feiral e congresual".
Neste senso, a socialista comprometeuse a manter unha coordinación permanente para que os establecementos hoteleiros "estean informados en todo momento e coa suficiente antelación do calendario de eventos que acollerá a nosa cidade, en especial dos carácter deportivo, congresual e feiral".
Asemade, Yoya Blanco lembrou que "a proximidade do Xacobeo supón unha enorme oportunidade para promocionar a capitalidade de Pontevedra no Camiño Portugués a Santiago", un obxectivo para o que a súa Concellería xa está a traballar e que comezará a traducirse en diversas campañas e actividades ao longo de 2020. "Se conseguimos xerar sinerxías entre tódolos axentes implicados no sector turístico, o Xacobeo pode disparar a ocupación hoteleira durante todo o ano", subliña Blanco.