Abre o prazo para a presentación de candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Desde este xoves permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas aos premios Cidade de Pontevedra. As persoas, asociacións, entidades ou colectivos interesados poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello ata o 5 de xaneiro de 2020.
As propostas deberán levar unha memoria xustificativa que explique os méritos do designado.
Os Cidade de Pontevedra teñen dúas modalidades, persoa física e persoa xurídica. O xurado valorará o labor desenvolvido polos candidatos, sobre todo, no último ano e a proxección de Pontevedra e os pontevedreses derivada delo.
Os galardóns serán entregados nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, día de San Sebastián patrón da Boa Vila.
Os premios Cidade de Pontevedra teñen como finalidade galardoar o relevante labor desenvolto na modalidade individual por unha persoa física e, na modalidade colectiva, por persoas xurídicas (asociacións, entidades ou colectivos de caracter cultural, social xuvenil, empresarial, etc..). O xurado terá en conta e valorará especialmente o ano que corresponda.
Os candidatos a ambas as dúas modalidades poderán ser propostos por calquera asociación, institución, entidade ou colectivo do municipio de Pontevedra; sen que poida ningunha delas propoñerse a ela mesma. Ditas propostas serán presentadas no Rexistro do Concello. Nelas sinalaranse tódolos datos posibles do candidato ou candidatos propostos. Deberase adxuntar, asimesmo, unha memoria xustificativa que saliente a traxectoria persoal e profesional de cada un dos candidatos propostos.
As persoas físicas ou xurídicas propostas deberán sempre ter coñecemento da súa candidatura.
Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas o xurado fixará a primeira das súas reunións, ao longo da semana seguinte á da finalización do prazo de presentación de candidaturas, co fin de analizar as propostas existentes. Procederase ao estudo, polo miúdo, da biografía e do currículo de cada un dos candidatos propostos.
Tódolos membros do xurado tratarán de consensuar, de maneira unánime o outorgamento dos premios; de non ser así, deberá chegarse á obtención dunha maioría cualificada de dous tercios. Se o xurado, na primeira reunión, non chegase a unanimidade ou a unha maioría cualificada de dous tercios, poderán propor outros candidatos nunha segunda sesión, sempre que sexa por unanimidade, tanto a proposta como a elección. Asimesmo, poderase deixar deserto o premio.
Unha vez que o xurado acorde os premios, a corporación municipal, en sesión plenaria, prestará aprobación aos mesmos y esta decisión será inapelable.
Os premios serán entregados na sesión extraordinaria de honras que, para tal efecto, ten lugar tradicionalmente o día 20 de xaneiro, festividade de San Sebastián.